Sunday, January 24, 2010

Tarkwa Beach


Ola outra vez!!

Como aínda sigo vivo por Lagos, e para tentar matar un pouco tempo, tivemos a xenial idea de ir á praia en pleno mes de xaneiro, a uns 30 ºC, coma sempre. Polo que nos contaran, en Lagos hai tres opcións para ir á praia:
- Tropicana, a unha hora en coche, pagando por entrar.
- Unha que está a cinco minutos en coche da casa pero é privada e hai que pagar.
- Tarkwa. Aceso libre, só hai que pagar a barca que che leva ata aló.





View tarkwa in a larger map

Alá partimos, Sara, Mike, Cristian, Nick (texano que non fala galego pero o primeiro que che deixa claro é que Bush era de Connecticut), Duhalde e máis eu. Aquí ando co chef chileno pola barca adiante. Pagas 1000 nairas (uns 4,5€) e tes viaxe de ida e volta ata aló.


Como Nixeria é un país tropical, tiña certa curiosidade por ve-las súas praias. Como serán? Resposta, bastante decentes para o meu gusto, tiñas a túa "cabaña" montada cunha tea e carto paus onde te tirabas a gusto e logo notabas o impacto nixerián, podías ver nalgúns lugares da praia, mesturado coa fermosa paisaxe natural, moreas de lixo. En fin, que tampouco é que nós sexamos moito mellores. Nós xa teriamos todo urbanizado con chaleciños para catro ricachóns. Vamos, maneiras de jode-la paisaxe hainas en África e en tódolos lugares.

O dito, na praia estabas tirado comodamente na túa cabaña.


Aquí vedes que África non me cambia, sigo a ter un tipazo envexable (que bastante me custou meter a panza para dentro).


A auga un pouquiño máis quente ca en Tanxil (praia principal de Rianxo, para quen non o saiba, con bandeira azul). Bastante limpa e moi, moi salgada.

Gracioso resulta que é unha praia mercadillo. Mentres descansas placidamente veñen visitarche vendedores que ofrecen figuriñas de madeira, máscaras (Laura, agardo foto para mercala), froitos secos, froitas, carne e ata espadas. Espadas ben feitas polas que nos chegaron a pedir 85.000 nairas (350€). De momento só merquei unha figuriña de madeira maja, co regateo máis ou menos de sempre. Pedían 2.500 nairas, saqueina por 1.000. Por unha fgura semellante, no Lekki Market, mercado de chorradas principal de Lagos, non me quixeran 1.500 ou 2.000, non lembro ben. Vamos, que podes mercar ben e a bo prezo. Nick cáseque mercou algo a cada vendedor que pasaba.

En fin, tanto regatear mete fame. Unhas ensaladas de froita (nos "tuppers" do fondo), un pouco polo e unha pouca "suya". Todo moi rico.


Trala comida, baño, relax, sesta, e ves que a Nixeria chegou a influencia de Mitch Buchannon. Aquí vemos o posto de salvamento e ó vixia atento e disposto a saír á auga a por quen faga falla. Como para salvar unha vida todo segundo é importante, ata contan con cabalos para chegar antes ata á posible vítima. Que conste, hai pouca corrente, a praia está bastante protexida e pechada, e non hai apenas perigo de deixarse levar.


Para remata-la tarde, antes de marchar pasounos visita-lo encantador de serpes. Que feliz o home con dúas cobras e outras serpes máis pequenas!

Un paseo polos pequenos diques que rodean a praia, dende onde hai unha vista clara do que tentan facer con Lagos e unha clara mostra da preocupación das autoridades nixeriás coa seguridade.

Se vedes o mapa de enriba, están tentando gañar terreo ó mar en Victoria Island, cara o sur. Victoria Island é a zona máis rica de Lagos e parece ser que pretenden que medre para o sur gañando terreo ó mar. Tras 4 meses por aquí, sorprenderíame bastante chegar a velo rematado antes de outubro.


Xa só quedaba a volta á casiña. Barquiña de volta e un par de fotos máis, a belezas que os nixeriáns deixan decorando as súas augas,

e unha pequena ollada a Lagos Island, antigo centro económico da cidade e onde aínda se poden ver algúns dos edificios máis altos da mesma.



En fin, máis en próximas entregas.
Saúdos para todos e bicos para a pequena!

Wednesday, January 20, 2010

Choiva en Lagos

Dende que estamos por aquí a verdade é que non choveu demasiado para alguén acostumado a pasar na Galiza estas épocas do ano. Aínda así, toda persoa que xa leva un tempo por aquí nos dicía que estaba chovendo máis do normal. Neste intre cómpre recordar que, teoricamente, entre outubro e e marzo é a tempada seca en Nixeria, mentres que entre abril e setembro, sobre todo disque entre xuño e agosto, é cando estamos na tempada de choivas.

O que sí se ve é que cando chove chove de verdade, nada de catro pingueiras soltas. Así é normal que se nos inunde o xardín do compound, que se encha a piscina de merda cada vez que chove (froito tamén do marabilloso e limpo aire de Lagos, carente de polución) ou que haxa rúas complentamente cubertas de auga. Como mostra, déixovos un vídeo da nosa entrada no coche que nos levaba á Oficina o venres pola mañá. Só o camiño que nos levaba da porta ó coche (2 metros) xa foi abondo para chegar á Oficina pingando.



Que quede claro que o coche non é o noso. O noso gran Nissan Pathfinder de 12 anos con motor de gasolina que soa e se comporta coma un diesel estaba de volta do aeroporto. Unha bolseira da Oficina de Accra (saúds Tere!) viñera facernos unha visita para coñecer Lagos e marchaba ese día pola mañá, co cal foi ata o aeroporto co noso coche mentres que nos mandaban un dende a Ofi para recollernos.

Ademais, estes días segue a darse unha circunstancia cando menos curiosa. Resulta que antes do Nadal, en Lagos é tradicional que aumenten os roubos. Ademais, para conseguiren máis cartos para o Nadal, as gasolineiras deixan de vender gasolina, alegando que non a teñen. O litro de gasolina vén custando uns 0,30€ e, como moitas cousas en Nixeria, nas gasolineiras xa che serven encantados cando pagas ó redor de 1€ por litro ou máis.

O que ocorre, entón, é que se forman unhas colas brutais nas gasolineiras mentres venden a prezo normal. Antes do Nadal, co que enchemos un depósito duns 60 litros, conseguimos 15. Despois, consguimos que durante o Nadal un dos condutores da Oficina nos enchese o depósito do coche. A semana pasada, a nosa invitada xa coñeceu en primeira persoa as colas nas gasolineiras de Lagos (só dúas horas). E o de esta non estivo mal. Onte precisabamos gasolina sí ou sí. Mandamos a Stevie ás 8:30 a buscar gasolina, unha vez nos deixou na Oficina. Chamou ás 15:00 indicando que non nos podeu recoller que aínda estaba na cola. Chamou de novo ás 20:00 que xa estaba preto. Chamou outra vez ás 22:00 indicando que estaban a piques de pechar a gasolineira, e pechárona. Alí tivo que quedar o pobre home ata ás 7:00 de hoxe facendo cola para conseguir gasolina. Ó final, ás 7:30 na casa e ás 8:10 na Oficina edepósito cheo. Que grande é Stevie e que grande é Nixeria, décimo país mundial produtor de petroleo e sen subministro de combustible nas gasolineiras. Só nos queda agardar que isto se normalice pouco a pouco.

Ata a seguinte!

Wednesday, January 13, 2010

Lucindo ó meu sobriño

Ola!

Como por Lagos todo segue máis ou menos coma sempre, atasco, traballo, atasco, comer, piscina a 30ºC porque non hai lus ata as 18:30, wii, computador, tele ou ximnasio e cerveciñas ou cea se procede, durmir e volta a empezar, decido aproveitar para lucir un pouco máis a Artur, quen xa comeza a meterse de cheo na cultura nixeriá.


Ou quen practica bailoteos estilo "macarena".

Ou quen dorme placidamente nos brazos do seu querido tío.


A que mola o meu sobriño e afillado?

Para pór algo máis nesta entrada do blog, aproveito para subir unhas fotos que mostran o que sufrin en Madrid durante o curso que tiven que facer antes de chegar a Lagos. Penso que a miña cara reflecte perfectamente todo o que estaba pasando.


En fin, seguirei recabando historietas por aquí. Ata a seguinte.

Tuesday, January 05, 2010

Feliz ANINOVO!!!!

Pois iso, ante todo desexarvos un feliz aninovo a todos!.

Estes días tiven a sorte de volver pola Galiza e poder vervos a uns cantos, rapaces e rapazas, menos a algunha mafiosilla que moito dicir que me ía atropelar na bici e logo nada (dito dende o cariño, claro).

A verdade é que foi un Nadal canto menos raro. Tras 15 anos, a madrugada do 25 de volta á clínica en Rianxo cun ataque de asma. Non pillo nada raro en 3 meses en Nixeria e volvo ter un ataque de asma na casa. Tocou voltar cos amigos inhaladores e recuperado.

Ademais, volvo a Lagos o día 2 e levo dende onte cun gripazo do copón. Sí, non pillo nada na casa en dez días a uns 5-10ºC de media e volvo ós 30º de Lagos e acabo cunha moqueira criminal.

En fin, déixovos algunhas fotos do Nadal no que coñecín ó meu sobriño e afillado. Aí vos deixo a Artur. É guapiño, non tanto coma seu tío e padriño, e boíño. Apenas chora, lanza gritiños de protesta (coma súa tía) e pouco máis. Aínda é pequecho de máis, pero xa ten o seu propio traxe yoruba. Xa subirei a foto que sacamos en plan nixeriano, de momento non houbo tempo a pasala ó computador.



Ademais disto, o mellor foi voltar ver á miña pijiña querida. Aquí tamos en fin de ano. Que guapiña é!!


Para rematar deixo dúas fotos de fin de ano coas miñas amigas rianxeiras e coa pequeniña.




Para rematar simplemente dicir, adiante OBRA!!! funos ver contra o Blbao Basket e a ver se seguen as´e conseguen outro aniño de ACB.

O dito. Feliz ano 2010 a todos e en breve seguirei escribindo por eikí.
Saúdiños.