Thursday, November 26, 2009

Artur





Boas noites!!!

Teño o inmenso pracer de presentarvos ó meu sobriño Artur. Tomade un trago á súa saúde!
Viva a nai que te pariu, Artur! E viva teu pai! Unha aperta moi grande a ambos.





Tuesday, November 24, 2009

Primeira excursión por Nixeria

Ola a todos e todas!

Aínda teño algunhas cousas pendentes que contar, pero comezaremos pola máis recente, máis que nada para non esquecer detalle.

Resulta que dende o segundo fin de semana que pasamos aquí, Conchi e mais estivemos indo a clases de francés. Un curso de 20 horas son uns 20€. As clases eran os sábados de 10:00 a 14:30 e remataron o 14 de novembro, co cal ata esta última fin de semana non puidemos ir de paseo por ningún sitio de Nixeria.

E chegou o momento. Nun principio iamos ir ata Ibadan, cidade situada a uns 150 km ó norte de Lagos. No pasado, era a cidade máis poboada da África Occidental, ata que Lagos a superou. Preto de alí, a unha hora en coche, está un centro de desenvolvemento de plantas que din que está ben, o IITA. O problema é que non había habitacións para nós o sábado. Así que houbo que cambiar de plans e inventar un novo. O xoves decidimos de ir a Osogbo, povo (como o chaman aquí) de 800.000 habitantes, que consta dunha fraga sagrada para os yoruba, tribo nixeriana que habita a zona suroeste do país, que vén sendo a zona ó redor de Lagos.

Arrincamos o sábado seis aventureiros: Sara, Mike (o mozo de Sara), Conchi, Marcos, o condutor Steve e mais eu. Saimos de Lagos cun tráfico decente e arrincamos por autoestradas nixeriás a Ibadan. Para ir a Osogbo, primeiro cómpre atravesar Ibadan.



O mostrado é unha autoestrada nixeriana. A grandes rasgos, é unha autoestrada con claro selo nixerián. Podes ir a 100 km/h e atopar baches incribles. Aínda así, o máis sorprendente é que a xente anda indistantemente por ámbolos dous sentidos. Os camións aparcan no medio dos carrís en vez de nas áreas de servizo. Esto fai que a xente cambie de calzada coma se nada. Para isto, e moi ben pensado polos enxeñeiros nixerianos, non hai mediana na autoestrada, só vexetación. Ademais, de vez en cando, limpan a vexetación para deixar camiño para pasaren os coches.





Unha vez chegamos a Ibadan, collémo-la autoestrada para Osogbo. Ó pouco de saír de Ibadan, isto foi o que atopamos.



Bonita caravana!! En fin, o mellor que se nos ocorreu fo seguir a uns coches que collían o atallo que había polo medo da selva. A gracia é que no atallo había xente indicándoche por onde collelo, e, ó vernos, bloquearon o paso. Unha das marabillosas cousas de nixeria é que todo o mundo ten na cabeza a seguinte ecuación: branco = €. Tiraron pedras diante do coche para pedirnos cartos por deixarnos pasar. En fin, Mike baixou do coche e conformáronse con pouca cousa, uns céntimos, ó veren que o coche é diplomático (temos matrícula vermella) acojonáronse un chisco.



Velaí iamos todo contentos pola selva para adiante, detrás dun fermoso Hyundai, cando o seu intelixente condutor ten a idea de pasar moi amodo por unha ponte que facía un gran desnivel nun dos seus extremos. Claro, coche atrancado e a empurrar, non había outra.


Sen moito máis que contar chegamos a Osogbo e decidimos ver un pouco a cidade. Menos agobiante ca Lagos pero segue sendo unha cidade nixeriana. Vimos a Nike Gallery, unha galería de arte onde non lles parecía moi ben que regateases, a casa onde viviu Susanne Wenger, unha escultora austríaca que botou a vida en Osogbo, moi querida na cidade; e vimos o pazo do monarca de Osogbo.


Coa marabillosa calor que facía, e cáseque sen comer dende que arrincaramos ás 7 da mañá, tocou buscar desesperdamente un bar no que tomar unha birriña. Tras buscar un chisco, fomos quen de atopa-lo bar. Alí, Mike e Steve tiveron o pracer de mostrarnos outro típico prato nixeriano, a "amala".


Isto vén sendo o plato de amal que me zampei. A carne do fondo é de cabuxa e as outras dúas bolas son coma pasta feita de pataca. A carne era ben dura e a salsa ben picante (algún lagrimón escapou), pero o plato non me disgustou. Tamén era divertido ver ó Steve, que se fixo a súa hamburguesa pondo o cacho de carne entre as bolas de pasta.


Por último no sábado, volta ó hotel (Heritage, ben de prezo e bastante ben,tendo en conta que estamos en Nixeria). Máis cervexa, non me puxeron o partido do Madrid, algo máis de picante coa cea e a descansar.

Ó domingo visita á fraga sagrado de Osogbo, lugar sagrado para os yoruba. A verdade, é un lugar fermoso no que a xente vai rezar. Teñen unhas cantas estatuas cando menos curiosas. Deixo algunha mostra:



A ponte de Rande nixeriana, cruzando o río que baña a fraga sagrada.

Volta pola autoestrada cara Ibadan, onde decidimos parar a coñece-la cidade. Nova mostra de como se conduce en Nixeria:

E chegada a Ibadan, onde puidemos ir á casa dun dos primos de Mike para ter unha boa vista da cidade. A verdade é que áinda ten menos que Lagos. É unha cidade grande pero nótase vella e un pouco abandonada.

Fomos comer no centro (onde había edificios máis grandes de Ibadan) nun sitio agradable, cunha piscina e bastante variadade. Eu tiven antollo da miña primeira hamburguesa nixeriana (bastante boa, por certo).



O finde rematou con Mike levándonos de visita polo barrio de Lagos no que vive, Ikeja, que está en Burgos pouco máis menos con respecto á nosa casa. Levounos visita-la casa de Fela Kuti, para quen non o saiba, coma min ata hai pouco máis dun mes, un cantante nixeriano moi famoso e querido, posto que nunca quixo rodearse da clase política nixeriana senón vivir co povo. Visitámo-la súa casa, onde está enterrado, e coñecemos á súa viúva e filla.




Así rematou o noso primeiro fin de semana lonxe de Lagos. En breve virán máis.

Só me queda un mes para voltar pola Galiza e vervos á maioría, iso agardo. Mentres tanto seguirei contando cousiñas de por eikí. Ata a seguinte.

Wednesday, November 18, 2009

XA SON TÍO!!!!!!!!!

Ola a todos!!!

Teño que anunciar que tras 27 anos e unha operación XA SON TÍO!!!! Non era sen tempo.

O rapaz chámase Artur e naceu un mes antes do previsto. Non obstante, está ben. Só ten que engordar un pouquiño nos próximos días. Anque terá que agardar algo máis dun mes para coñecer ó seu tío favorito.

A nai tamén perfecta. Noraboa ós pais, Carlos e Marica!!!

Xa tocará volver paar ver ó pequeno e á pequena. Subirei fotos cando as teña.

Ata a seguinte.

Friday, November 13, 2009

Campionato do mundo sub-17

Ola outra vez!

Como saberedes, e senón aproveito para contarvos, estase a desputar en Nixeria o Mundial de fútbol sub-17. Trala primeira fase, na que en Lagos xogaron Brasil, Suiza, México e Xapón, chegaron ás semifinais Colombia, Suiza, Nixeria e España.

O caso é que o pasado xoves xogábanse en Lagos as semifinais. Colombia-suiza ás 16:00 e Nixeria-España ás 19:00. E home, ver un patido de fútbol de Nixeria en Nixeria non está nada mal, sobre todo cando escoitabas a todo o mundo dende o comezo da competición dicir "se España chega ás semifinais imos velo fixo, menos se é contra Nixeria!"

Bueno, na Oficina empezaron a falar de ir case todo o mundo. Xefe, contable, técnico de mantemento e bolseiros. Ademais, o xefe púxose en contaco co agregado de interior e as entradas saían gratis e na mellor zona do estadio, co cal pois aínda nos xuntamos uns poucos a ir.

O agregado de interior pasou o mércores pola Oficina para reparti-las instrucións. Iamos ir nun convoi da policía, cos pais dos xogadores que están por aquí, e tentaríannos traer co convoi do equipo.

O mesmo xoves comezou a preparación pola Oficina. Mentres un traballaba duramente, a contable e o recepcionista (nixeriano) buscaron bandeiras para levar ó estadio. Ata montaron unha grande nun mástil. A coña veu cando quixeron darma a min para que a levase, xa que era o máis alto. Vai ser que non...

Volvendo ó tema do partido, antes de perderme máis noutros, arrincamos cara as 15:30 cara o Eko Hotel, o hotel pijil de Lagos onde estaban concentrados os xogadores de tódalas seleccións e onde estaban as 4 parellas de pais que vñeron connosco. Últimas instrucións do agregado de interior ("escondede as bandeiras"), reparto de entradas e arrincamos no convoi.




Unha hora despois de arrincar, chegamos ó estadio. Máxima expectación, nixerianos polas rúas, policía faceno sitio, e entrada triunfal.





O caso é que nos dixeron que o bus nos deixaría na porta do estadio...cando un policía abre a porta do autobús. "Vindes andando connosco". Vale, andamos como 300 metros ata o estadio rodeados de policias armados (que cariño lle teñen á arma, como a acariñaban), cruzámo-la porta que dá acceso á zona do estadio e a policía fíxonos o típico pasillo de cando se entra ó campo de fútbol. Vamos, ringleiras de 5 policías a cada lado dende a porta. Outros 300 metriños e xa estabamos na porta de acceso ás gradas.



Este é o momento de dicir que en ningún momento me sentín inseguro. A sensación de seguridade foi absoluta. Non obstante, en Lagos parece ser que o partido causou expectación. Se hai máis de 10 millóns de habitantes e no campo caben uns 25000...parece ser que houbo avalanchas e algún morto, nalgúns lados escoitei que 4, noutros 8, pero o dito, nós non nos enteramos de nada.

Chegamos no descanso do Colombia-Suiza. 0-2 ó descanso e Colombia con 10. 0-5 ó final e pouco máis que contar. Aí comezou a historia dos nixerianos. Compran trompetiñas e non paran, xa na segunda metade do Colombia-Suíza cantando,saltando bailando. Que conste que tamén se puxeron a animar a España, o ambiente moi bo e amigable. Logo parece ser, segundo nos contan, que a xente en Nixeria vai con quen gaña. Se gañase España, non terían problemas en animala. Pero o dito, moi ben, unha afección moi animosa e incansable e un ambiente de seguridade total.

Logo, equipos ó céspede a quentar e agada-lo comezo.



Aquí vemos a tres marikitas que estaban polo céspede (adicada a Manu, que ten cariño polos árbitros.)



Logo no partido, pouca historia. Nixeria moito mellor na primeira parte, España mal, e 1-0 ó descanso. Na segunda metade, España mellor, pero unha cagada atrás custa o 2-0 e unha boa xogada nixeriana o 3-0. Logo España conseguiu o 3-1. Marcouno Borja, que está empatado cun uruguaio a máximo goleador no partido e que tiña ós pais na grada. Resulta que o pai é de Marín e o pai deste de Rianxo, así que anque xogue no Atlético, con sangue rianxeiro o rapaz ten condicións.

Do partido só reseñar un detalle que non me gustou nada e que se son xogador sería para matar a alguén da FIFA por consentilo. Resulta que con 3-1 e todo vendido, dan 3 minutos de desconto. Antes de remata-lo primeiro, comezan a lanzar no estadio fogos de artificio. Cando aínda quedaba un minuto, apagaron as luces do campo. O árbitro, con lóxica, decidiu que non se xogaba máis, non obstante, que che tiren os fogos de artificio e apaguen as luces antes de rematar non me gustou un carallo.



Por último, pór unha foto cun dos rapaces ue debutou en primeira, Muniaín. O rapaz xa xogou co Athletic, ten 16 anos e os pais son bastante majos (tamén estaban na grada). Ocorre que tivo mala sorte, tivo que marchar do campo lesionado ó pouco de comezar. Ánimo, rapaz! Moita sorte e a ver se algún día podo presumir de ter un foto cun balón de ouro (mentres non o sexas no Barça...)

Ata a seguinte!

Tuesday, November 10, 2009

Máis recordos do San Teleko



Ola a todos!

Tras comentario dun gran home no post anterior facéndome ver que esquecera pór uns cantos momentos desta inolvidábel festa, non me queda máis remedio que pór unhas poucas fotos máis. Agardo non ter esquecido a ninguén desta...

Saúdos, que mañá tocará traballar!







Monday, November 09, 2009

Xa sabía eu que me trabucara facendo teleco...

Ola a todos outra vez!

Por Lagos todo normal. Salvo porque fai bastante calor, parece que siga por Galiza, porque nun mes vin máis choiva ca sol. A verdade é que de momento agardaba isto un pouco máis soleado. Non obstante, os expertos din que anque é raro, que por estas datas xa nos estariamos todos cagando de calor, que un ano da tempo para moito. Vamos, que xa teremos tempo a derreternos na piscina.

O caso é que o sábado pasado, 31 de Outubro, tivemos un día deses con algo de sol e unha calor bonitiña. Uns amigos chilenos, que acaban de abrir un complexo de ocio que conta con circuito de karts, restaurante (onde cociña o gran chef Duhalde), salón de xogos e un espazo para a celebración de aniversarios, organizaron unha tarde de competición de karts.

Debido á gran puntualidade dos meus mestres de francés (por se non o dixera, os sábados á mañá, Conchi e mais eu imos a clases de francés entre as 10:00 e as 14:30. Este día foron entre as 11:30 e as 15:00) e ó marabilloso tráfico de Lagos, que pode converter unha viaxe de 15 minutos nunha de media hora, rematei de comer ás 16:30, hora ás que comezaban as carreiras. Como cheguie alí ás 17:30, perdín a sesión de prácticas, así que estaba en desvantaxe clara cos meus rivais.

Así fixen as dúas primeiras carreiras que fixen. En cinco tandas, corriamos primeiro para clasificar e logo carreira. O gracioso é que na calificación xa me freou un nixeriano. Saín mal na carreira, conseguín pasar ó nixeriano de marras, e unha carreira que era a 5 voltas parárona en 2, confundíndonos a todos. Gracioso foi tamén que volvemos correr a carreira enteira sen conserva-los postos, co cal outra vez detrás do famoso nixeriano, o que, da segunda vez, digamos que non me deixou pasar. Ademais, resulta que o que contaba para pasar era o tempo, non a posición, pero ninguén nos avisou. Máis ben ó contrario, dixéronnos os axudantes da pista que só contaría a posición. Así fixen unha primeira carreira que deu pena.

Das cinco tandas pasaron os mellores a pelexar polo campionato, os peores pola honra, e os do medio pasamos a pelexar no que chamaron a carreira de prata. Aí volvín saír atrás na calificación, pero pensando en facer boa volta, regalei a primeira para te-la pista para min. Problema, os nixerianos conducen coma se fosen mulle...estee, moi mal, e na miña volta boa xa me frearon dous, así só fun segundo na calificación.

Logo tocou a carreira de verdade. Saín segundo, pasei ó que ía primeiro na primeira curav, e, non é por presumir, fixen o mellor tempo de toda a tarde, 26,315, por 26371 que foi a mellor volta do tío que ó final gañou. En fin, se un inútil coma Button é campión do mundo de Fórmula 1, que non podería ser eu con ese tempazo...

Deixovos unhas cantas fotos da tarde. Na primeira, dous rapaces libaneses á esquerda e dous barbanzanos á dereita. O da dereita é For, o meu compañeiro de escritorio, que é de Ribeira e leva 8 anos por estas terras. En fin, tócame xogar agora con el o partido de fútbol dos luns, así que ata a seguinte.









Wednesday, November 04, 2009

Lembranzas do San Teleko

Ola a todos,

Como hoxe, día 4 de novembro, foi San Teleko (http://www.lavozdegalicia.es/vigo/2009/11/04/00031257358056739123916.htm?idioma=galego), deume en subir algúns recordos de festas pasadas. Aquí, en Lagos, dá gusto recordar tempos de festa agora que as UPSs da Oficina me están tocando os coll...perdón, dando máis traballo do debido.
En fin, a lástima é que non podo subir máis fotos para lembra-los bos tempos pasados.
En breve máis contos sobre Lagos.
Coidádevos!!!







Sunday, November 01, 2009

Contos abraiantes

Ola a todos outra vez!

De vez en cando ocorren cousas que acaban por sorprender a un. Resulta que o venres pasado convidáronnos a unha festa uns amigos brasileiros, dos cales a maioría traballan para Petrobras. A compañía, a verdade, é que non os trata mal. Viven nun compound de luxo, con piscinas (en plural), pista de tenis e todo moi ben coidado.

O caso é que a festa estivo ben, deron uns chupitos de xelatina (feitos con vodka) que subían que daba gusto (sintoo Iago, non sobraron). Estabamos os de sempre, as miñas compañeiras, Marcos (galego e xerente de Iberia en Lagos), a maoiría dos colegas expatriados franceses. Ata aquí todo normal, bebendo (con calma, claro), cando coñecemos a un estadounidense, de Wiconsin concretamente, QUE FALABA GALEGO! O rapaz en cuestión chámas Brian e sae na foto de abaixo. De esquerda a dereita: Conchi (a miña compi), eu, Brian, Duhalde (chef (moi bo) chileno)), Marcos e unha das compañeiras francesas.





O caso é que o rapaz, Brian, marchou de intercambio con 16 anos para A Guarda e alí aprendeu a falar galego. E xa ves, vou a coñecer en Lagos (Nixeria) a un estadounidense de Wiscosin co que falaba en galego. Dá gusto de vez en cando ver situacións así, tendo que no país contamos con grandes elementos (señora Lago e secuaces, aprendede que significa a segunda palabra do voso nome). En fin, botando de menos ó país, a todos vós, á familia e á pequeniña, dá gusto poder falar galego na xungla que é Lagos.

Nótase que antes ou despois me tiña que saír a vea galeguista. Unha aperta a todos.