Tuesday, March 23, 2010

Tráfico en Lagos

Boas noites,

Hoxe toca falar dun dos aspectos máis marabillosos de Lagos, o tráfico. Se hai algunha palabra que sirva para definir como é o tráfico por aquí é imprevisible. O camiño á Oficina serán uns 2-3km (non nos funciona o contaquilómetros do coche). Sen tráfico tardas uns 10 minutos, temos tardado 1 hora. O normal, sobre unha media hora.

O gracioso é que aquí tenden a ocupar calquera oco dispoñible. Que hai un cruce de rúas e pola que quero ir eu está bloqueada, non pasa nada, póñome a agadar detrás do último coche bloqueando todo o encrucillado. Que xa se bloqueou todo e o carril do sentido contrario está libre, pois alá imos, e se alguén se queixa botámoslle a bronca.

A modo de exmplo déixovos un vídeo gravado onte, luns 23, a iso das 19:20. Saía a xogar a un campo ó que antes saía ás 19:40, pero a carretera pola que imos é unha especie de M-30 que está en obras. Con todo o tráfico que xa ten e as obras hai que saír con moito máis tempo. Ó saír da casa normalmente ves unha rúa con dous carrís por sentido...en fin, this is Lagos! Sen dúbida o mellor do vídeo son os comentarios...



E sí, é certo, xa son todo un Fittipaldi polas rúas de Lagos.

En breve máis, dende aquí ou dende a casiña.

Sunday, March 14, 2010

Outra praia en Lagos

Ola raparig@s!

Hoxe tocou visita a outra praia desta zona. Creo que se chama "Iloshi" ou algo semellante. O caso é que para ir a esta praia había que levantarse cedo e comprar comida. En teoría na praia agardábanos unha casiña con grella, piscina e outras diversións. Así que todos en pé ás 8:30 da mañá dun domingo, veña a comprar comida e cara ás 10:30 no embarcadoiro.


Á outra praia á que fun algunha vez por aquí, Tarkwa, chégase tras uns quince minutos de barquiña. Nesta tardamos tranquilamente corenta e cinco minutiños. Vas rodeando o porto de Lagos, vas vendo unhas cantas vilas mariñeiras que recordan a Ganvié (en Benín) e ves o maior cemiterio de barcos abandonados que vin en ningures. Por comezar por algo, comezamos por amosa-la vila mariñeira:


E como o importante é a praia, pois imos a ela. Tralo noso paseo de barquiña chegamos á casiña, con piscina incluída.


A praia estaba ben, só que, claro está, é nixeriá e está chea de merda. Aquí teñen o puto costume de tirar todo o lixo ó chan, co cal o mar o acaba devolvendo ás praias. Ademais non reciclan nada de nada. Por favor, os que poidades reciclade, que doe moito tirar un cartón ou un papel co resto da merda!

Tras unhas horiñas de piscina, comida e sesta tocaba volver. Volvendo cara o porto de Lagos vas vendo tódolos barcos, petroleiros sobre todo, que teñen por aí tirados, deixados á súa sorte. O mellor é que aínda hai xente vivindo neles...


Non todo ían ser barcos, tamén hai bastantes vilas no camiño á praia.


E logo tocou o susto da tarde. Resulta que as embarcacións pequenas a motor non poden navegar a partires das 18:00 horas, e como eran as 18:10 e a patrulleira da policía viu que eramos brancos aí nos pararon para querer sacar cartos. Por sorte, pasou outra barquiña preto e tiveron que parala, posto que xa nos pararan a nós. Como os nixeriáns son uns artistas, aí chega o condutor da outra branca e pregunta, como se a cousa non fose con el: "Que ocorre?" "Algunha emerxencia?" "Hai que levar a alguén ó hospital". Consecuencia, os policías preferiron meterse con el.


Aínda así, deu tempo a que nos quedasemos sen combustible e nos tivesen que remolcar ata o peirao, dende onde podiamos ver algunhas vistas fermosas de Lagos. En particular encántame a seguinte, 20 millóns de habitantes por aquí, a maioría mal vivindo ou vivindo en barcos abandonados e hai xente con pasta abonda para mercar ese iate particular para usalo unha ou dúas veces ó ano...viva o puto mundo capitalista!



Por hoxe xa abondou, que a discusión coa policía deixoume fino. Vou ver algo de fútbol. Saúdos!

Saturday, March 06, 2010

Produtos de uso común en Nixeria

Boas noites!

Pola gran cidade de Lagos seguimos. De momento non hai nin rastro das choivas que debían vir a partires de marzo, sobre todo en maio, xuño e xullo, e seguimos co noso tempo soleado e por riba dos 30ºC.

Como pouco máis facemos agora que traballar duramente, ir ás clases de francés e aproveita-lo tempo para ir á praia, non teño novas historias que contar por aquí. Así que para non perde-lo costume de escribir catro tonterías á semana no blog, pois vouvos presentar uns cantos produtos de bastante uso polas terras nixeriás.

É obrigado comezar polo noso querido e inseparable Relec.


Isto vén sendo un repelente de mosquitos. Como se ve ben no fraco, é extra forte. Aínda así os mosquitos de aquí tamén son fortes de carallo e os mamóns non se deixan repeler nin con facilidade. O gracioso é que esa merdiña de bote que vedes enriba custa uns 10€ de media. Gracias á pequena queridiña atopei unha farmacia en área central onde custaba 6,90€. Despois do Nadal vin cun cargamento destes botes e aínda conservo 7. En fin, o Relec déixache un arrecendo enriba coma ningunha colonia do mundo é quen de facer e ademais déixache pegañento, pero resulta bastante mellor que non levar nada.

Cambiando de tema, preséntovos o cartón de leite nixerián.


É un leite alemán, nada comparable ó noso leite galego, pero é mellor que o leite holandés que ten por competencia en Lagos. Un cartonciño destes vén custando unhas 350 nairas, que vén sendo sobre 1,70€. Vimos queimando na casa uns 8 litros por semana. O extraño é cando che ve un nixerián comprando semellante cantidade de leite e queda superextrañado, xa que resulta que na súa casa beberán 5 litros de leite por mes.

Outro fiel compañeiro é o café.


Este era o bote mítico de Nescafé. Custaba uns 5€. Agora trouxeron o bote normal de cristal, que custa uns 7,5€. Por iso é polo que me estou pasando a unha marca local, Arocafé, que vén custando uns 4€ o bote. Como vedes, o café é artigo de luxo en Nixeria. E isto porque falamos de café soluble. Se nos imos a café de cafetera as cousas non é que melloren moito. Os 500g dun barato (e malo) tamén se contizan a uns 7,5€. Así comprenderedes que trouxésemos uns dez paquetes de café no Nadal dende a casa.

O zume de laranxa:


O zume Chivita. Marca nacional nixeriá. Ata ten a súa propia rúa e todo. Uns 1,10€ por cartón.

Como non. Cervexas:


A da esquerda xa a coñecedes. É A CERVEXA. É a única que me queda. Rematareina mentres vexo o Real Madrid - Sevilla. A outra é a cervexa nixeriá que máis me convenceu, anque só se merca nos supermercados, non a atopei en ningún bar. Outro día xa vos presento o resto de cervexas nixeriás.

Por último, presentarvos o pack de cereais. 1kg tamaño familiar. Sobre 6€, creo recordar.


Tócame ir ó ximnasio, manter o tipazo. Ata a seguinte!