Sunday, September 26, 2010

Último finde en Nixeria

Ola!

Mima, que noitiña! Resulta que fomos de despedida o Shrine, templo musical de Lagos e da música afrobeat. Concerto de Seun Kuti, como tódolos últimos sábados de cada mes.

A coña é cando queremos marchar, cara ás 2 da mañá, e temos unha roda pinchada. Aínda mellor, a de reposto está baixa. Este é o momento de aclarar que o Shrine está en Burgos. Se ves Lagos coma un rectángulo, nós vivimos en Victoria Island, esquina inferior dereita. O Shrine e o aeroporto están en Ikeja, esquina superior dereita. Sen tráfico, uns 40 minutos.

Así que estamos no quinto pino sen posibilidades de move-lo coche. Pois buscamos a alguén para que inche a de reposto e xa está. Problema, o coche non aguantou con ela nin cincocentos metros. E cando pinchou a roda de resposto estabamos nunha rúa escura e sen ninguén, así que tres opcións básicas:
1. Deixar o coche alí e saír. Probablemente nolo roubasen ou desmontasen.
2. Quedar eu no coche e que fose Stevie arromba-la roda. Probablemente me roubasen a min e roubasen o coche.
3. Reventar a roda de reposto volvendo ó Shrine.
Eliximos a opción 3. Volvemos ó Shrine e soubemos de alguén que arrombaba rodas na rúa as 24 horas, e preto de onde estabamos. Achegounos un amigo de Mike, que case se mata antes nun sumidoiro de medio metro, e arrombamos a roda.

Consecuencia, as 4 da mañá na casa e sen roda de reposto. A mercar outra o luns!

En 4 días na casiña...

Friday, September 17, 2010

Guadalupe 2010

Pois nada, en Nixeria non se celebra a Guadalupe, a mellor festa do mundo. Nin en Lagos nin en Kano. Non cantan a rianxeira ás 2:00 desta madrugada:


nin teñen peñas para pasalo ben cos amigos. Aquí deixo as últimas.
2004


2005


2006



2007


2008


e 2009



Pois nada, faltará a de 2010. A cantar todos!

A Virxe de Guadalupe cando vai pol ribeira,
descalciña pola area parece unha rianxeira,
Ondiñas veñen, ondiñas veñen, ondiñas veñen e van,
Non te embarques rianxeira, que te vas a marear.

A virxe de Guadalupe cando veu para Rianxo,
a barquiña que a trouxo era de pau de laranxo.
Ondiñas veñen, ondiñas veñen, ondiñas veñen e van,
Non te embarques rianxeira, que te vas a marear.

Thursday, September 16, 2010

Tuesday, September 14, 2010

Kano

Ola!

Resulta que a metade norte de Nixeria é maioritariamente musulmana. Ademais, disque é unha terra completamente diferente a Lagos. Aproveitando o fin do Ramadán, que había algún festival e que iría máis xente, houbo que pagar o avión para poder ir a Kano (http://en.wikipedia.org/wiki/Kano), cidade máis grande do norte de Nixeria. Nesas datas celebrarían unha serie de festividades para conmemora-los días máis sagrados do ano musulmán.

Antes de comezar, unha mostra de como se almorza en Nixeria un sábado ás 10:30 da mañá un día con choiva, no que case non entra lus polas fiestras e non temos lus eléctrica ata ás 11:30...


En fin, 5 da mañá do xoves día 9 en pé, traxeto ó aeroporto de Lagos e voo para Kano. Primeira sorpresa, o voo fai escala en Abuja. Aquí vese que é costume. Compras un voo a Kano e, despois de collelo, entéraste de que ten unha escala na que botas unha hora metido no avión ata que volve despegar. En fin, peor foi a que lle fixeron a Sara cando foi a Dakar, con paradas en Freetown e Banjul.

Pois tralos voos, ó hotel. Un hotel moi bo en Kano. Primeiro, en Kano habitan os hausa, tribo que habita no norte de Nixeria. Son bastante máis duros na negociación que a xente de Lagos pero son igualmente timadores no sentido de que tentan venderche algo o máis caro posible, e logo baixas o prezo á metade, anque tamén é certo que os hai hontados. Por primeira vez en Nixeria, vin un camareiro ó que case lle teño que meter a propina no peto para que a leve.

O hotel moi majo, habitación grande, piscina, sauna e ximnasio. Agora ben, Nixeria é Nixeria. Resulta que o tipo que tiña a chave da sauna e do hotel estaba de vacacións e non tiñan máis chaves...pero a piscina estaba chula.




Ó día seguinte, visita para ve-lo fin oficial do Ramadán e a celebración onde a poboación rende homenaxe ó Emir de Kano, que se atopa cómodo debaixo do parasol, anque, a verdade, cos 84 anos que disque ten non é que estea para aguantar el moito.

Logo, visita a outra das poucas cousas que se poden ver en Kano, os pozos de tinguido. Pozos nos que tinguen teas empregando tintes naturais. Hai varios, algúns tapados, outros nos que se traballa e, a maioría, empregados como contedores de lixo, sen reciclaxe, claro.


Para rematar o venres, visita a un alpendre dende o que se pode ver toda a cidade de Kano, onde os raparigos xa non respectan ós maiores.




O sábado día grande das celebracións, desfile de cabalos na honra do emir. Saen a pasear por Kano, xúntanse neste punto e todos mostran a súa servidume ó emir.



O domingo, volta para Lagos. A impresión xeral de Kano non foi mala, sempre está ben saír de Lagos unha fin de semana. Sen embargo, Kano é unha cidade digna de ver en dous días, máis non. Ten un problema, ten máis lixo amoreado nas rúas ca Lagos. En case toda cidade nixeriá (sálvase Calabar) hai moito lixo nas rúas, en case calquera cidade mulmana hai moito lixo e pó nas rúas, Kano é nixeriá e musulmana, co cal ten o dobre de lixo amoreado nas rúas e moito pó. Ademais, aplican a lei musulmana, alias sharia, co cal hai lugares contadiños onde venden alcohol, entre outras moitas atrocidades peores que poden facer.

En resumo, gran viaxe a Kano pero estráñouse unha cousiña, que xa comezou a GUADALUPE, a mellor festa do mundo, que se celebra en Rianxo, por suposto, e na que este ano non me podo emborrachar coma o pasado (verdade, Peque?). En fin, un estado e unha caidade máis visitados en Nixeria.

Ata a seguinte!

Friday, September 03, 2010

Malaria

O pasado 29 xullo ía volver á casa. Voo de Iberia que saía de Lagos ás 21:00 para aterrar en Madrid ás 03:00. Do 8 ó 22 de xullo estiveron aquí Julio e Rubén, dous compañeiros de chollo de Madrid que viñeron para actualiza-la plataforma informática da oficina.

O luns 19 de xullo, con case todo rematado, tocou ir ó partido dos luns. Estivemos xogando case tres horas e rematei o partido moi canso. Por isto, cando ó día seguinte, cara a 13:00, comezou a doerme a cabeza non pensei que fose outra cousa máis que a falta dunha pequena soneca.

Comezo a atoparme un pouco peor, creo que teño algo de febre, pero malo será. Anque claro, en Nixeria, unha das zonas onde máis xente mata a malaria cada ano, pois non está de máis preocuparse, tendo en conta que é unha enfermidade chunga que mata máis de un millón de persoas cada ano (http://gl.wikipedia.org/wiki/Malaria).

O conto é que chego á casa, e xa estou sen fame, cousa bastante rara cando, como tódolos días de traballo levaba unhas sete horas sen comer. Total, atopándome mal, vou durmir un chisco, a ver se iso me espabila máis. Nese momento teño una das sensacións máis típicas da malaria pero bastante estraña. Notas que ardes por dentro pola febre pero comezas a ter frío. Consecuencia, a botar a soneca a 30º con pixama longo.

Ó espertar as sensacións non eran mellores. Seguía coa dor de cabeza e coa febre. Nese momento xa comezas a desexar ter malaria, algo perfectamente tratable en Nixeria. Porque como sexa algo que requira unha operación sinxela, como a apendicite, cago pola pata abaixo. Como mostra do nivel médico de Nixeria, convídovos a le-la seguinte ligazón:


Explica que onte mesmo produciose o primeiro transplante exitoso de cadríl en Nixeria. Vamos, que confianza non me dá moita.

Total, rápido co chófer a unha clínica a que me fagan a proba da malaria. Chegamos a unha clínica de Lagos onde che dan os resultados das probas en cinco minutiños (hai hospitais que tardan un día) e a doutura hindú que me atendeu amablemente confírmame que teño malaria. Total, durante catro días a chutes de pastillas, chegando a tomar dezaoito pastillas nun día e coma novo.

As miñas pastillas antimaláricas: (as outras eran paracetamol e outra para o estómago). Total pola consulta e as pastillas, 25000 nairas (135€). A coña, que pastilals que salvarían centos de vidas ó ano custan a un nixerián, que viven cunha media de 2€ ó día, uns 12€...


Por sorte non me volvín atopar mal. Contan que o importante da malaria é collela canto antes. Eu estiven perfectamente ben os días seguintes, ata fun a traballar (era iso ou quedar sete horas na casa sen lus). O único problema que notei foi que me atopei máis canso do normal ó cargar unhas caixas na Ofi.

En fin, trala malaria a seguir traballando, outra proba o luns 26 para confirmar que xa eliminara por completo a infección. O 29 á casiña, o 5 a París, o 12 de volta a Lagos con Silvia e o 29 de setembro de volta definitiva á casiña. Mentre tanto, temos a neveira así de fermosa:


Que bonitiñas as 1906 e as Estrellas! Do resto, hai cervexas nixeriás (Harp (boa), Star (normal) e Gulder (para casos de necesidade)), beninesa (Castel, boa), Guinness, Smirnoff Ice, chocolate Milka, vamos que nos coidamos ben!!

Saúdos!!