Wednesday, December 16, 2009

Últimas novas do ano por Lagos

Ola a todos!

Como queda menos para voltar á casa polo Nadal, hai que comezar a facer algunhas trasnadas para despedi-lo ano dende Lagos.

En primeiro lugar, Patri aproveito para contestarche ó comentario (remato antes facéndoo por aquí). Os drill son unha especie de monos que se chegaron a crer extinguidos a finais dos 80. O home que fundou o rancho en Calabar viu un día un nunha casa, preguntou ó dono, este resulto que coñecía a outros que tiñan esa especie de mono e o homiño este comezou a rehabilita-la especie. Hoxe ten máis de 300 e unha ponte colgante polas árbores que xa viches. Cruzala é peor que vela, porque, claro está, é unha ponte colgante que se move bastante. Creo que no punto máis alto chegaba a uns 45 metros. Non se vía ó chan, perdón, non se miraba o chan (que un xa aprendeu redondelán...).

Pois nada. Despois de Calabar aquí pasámo-la fin de semana de festa. O veners fomos de cea e logo tomar unhas cerveciñas e atopamos ó número 2 da Oficina, xefe noso, claro. Houbo que aproveita-lo momento para inmortalizalo. Fóra de cea cuns amigos unha das cales, Olga, tamén quixo saír na foto.

Despois deste lugar tivemos a sorte de comprobar que as modas pijiles lévanse en tódolos lugares. Non nos deixaron entrar nun dos sitios máis pijos de Lagos porque Sara levaba sandalias. En fin, tivemos que inrnos busca-la vida a outra terraciña pijil. Detrás dous brasileiros, Glauber dereita e Gustavo esquerda, á dereita David e Paloma (de momento currando en Lagos, anque non sei ben onde), Sara no medio e Leandro, arxentino que traballa con David e Paloma, detrás miña.

O sábado tocaba festa na casa de Claudio, un italiano (este unha gran persoa, non coma o do partido) que dende Lagos emigrou para Qatar. O motivo da festa, despedir a Jose, que marcha connosco o 22 tras tres aniños en Lagos. Había que despedilo coma deus manda, así que nos xuntamos uns cantos para a ocasión. Primeiro tres representantes da coalición galega de Lagos e despois a maioría de asistentes á festa, co homenaxeado sendo o segundo pola dereita e o anfitrión o que está atrás á esquerda de amarelo.



Unha última foto do homanexeado, co seu regalo de despedida.

En fin, luns tocaría montar unha pequena UPS de 30kg na Oficina (normalmenten marcho ás 15, ese día marchei case ás 20) e seguir pegándome cos meus pequenos e marabillosos servidores así como coas espectaculares conexións de internet. Mentres tanto, xa quedan menos días para ver á pequeniña, coñecer ó meu sobriño Artur e agardo que vervos a todos vós.

Antes de marchar quero compartir convosco unha mala nova. Resulta que o compañeiro bolseiro de Nova Delhi, Felipe, tivo un accidente que o mantén no hospital. Ten o húmero e o pulso esquerdos fracturados e uns golpes na cabeza que parece que non teñen moita gravidade. Está nun hospital de Nova Delhi recuperándose satisfactoriamente. Dende aquí, Felipe, quero mandarche unha aperta e desexarche un pronta recuperación. Moito ánimo.

Ata a seguinte, meus!

Thursday, December 10, 2009

Viaxe a Calabar

Moi boas outra vez!

Esta ponte da Constitución tocou ir de visita por Nixeria. Se na anterior ocasión tocara ir de visita a lugares nos que podiamos ir en coche, desta tocou ir ata Calabar, preto da fronteira con Camerún, en avión. O meu primeiro avión nixeriano, da compañía Aero, que custou pouco máis de 100€.

O aeroporto de Lagos (Murtala Muhammed) recorda ó de Madrid na estrutura. Son dous nun. A terminal internacional (International Airport) e unida polas pistas está preto o Domestic Airport, unha terminal pequeniña, máis pequena cá de Santiago, da que saen os voos que van por dentro de Nixeria. É noviña e chula (como a miña Pequena) e quedoume dela mellor impresión que da terminal internacional. Tamén é certo que o día que estiven na terminal internacional foi o primeiro, aínda con certo acojone no corpo, case mirando só para abaixo. Por certo, non vedes fotos do aeroporto porque en Nixeria está terminantemente prohibido sacarlles fotos.

O venres saímos da Ofi cara ó aeroporto a iso das 12:00. O voo era ás 16:00, pero co conto de que pechan o check-in corenta minutos antes do voo e que o camiño ó aeroporto pode ter unha duración moi, moi, impredecible e variable. Sen tráfico, uns corenta minutos. Con moito tráfico, mínimo catro horas. Por sorte, chegamos ó aeroporto con tempo de sobra. Un par de cerveciñas para ameniza-la espera e para o avión.

Aterramos en Calabar cara as 17:30. Outro aeroporto pequniño pero chulo. Alí agardábanos o colega Dominique, chófer ó que contrataramos para toda a fin de semana e quen nos buscou chófer para ir ata o Drill Ranch, lugar onde rehabilitan monos que se atopa a cinco horas en coche de Calabar e que ten un pequeno espazo na cidade no que conta con algúns animais. Alí atopàbase Ainare, rapaza basca que traballa como veterinaria no Drill Ranch á que deramos bastante o coñazo antes da viaxe. Recomendounos hotel, moi decente, céntrico e barato, e quedamos para tomar unha cerveciña e cear pola zona. Comín un peixe feito nun posto da rúa que me soupo a gloria. Estaba moi bo. De aí para o hotel, a descansar para o sábado.

Comezámo-lo sábado facendo algo que nunca fixera dende que estou en Nixeria, CAMIÑAR POLAS RÚAS. Calabar é un sitio moi tranquilo e a xente é bastante amigable. En Lagos, de noite non se me ocorrería ir andando a ningures. De día sí e estou seguro de que me darían o coñazo cada dous por tres. Se xa che vén branco e che veñen pedir cartos cando che vén no coche, andando non ha ser menos.




O dito, puidemos dar un paseíño por Calabar. É unha cidade bastante máis coidada ca Lagos. Ten contedores de lixo (en Lagos non vin ningún), ten moi poucos baches, e a xente non agobia. Xa pola noite viramos outra gran cousa de Calabar, a ausencia de ruído de xeradores. En Lagos, a NEPA (FENOSA nixeriana), funciona, con sorte, unha hora ó día. Hai moitas empresas que requiren moita enerxía eléctrica e esta non chega ós fogares. É crudo pero así funcionan moitas cousas en Nixeria. Tódolos compounds, antenas, oficinas funcionan con xerador eléctrico. En Calabar non había case ningún e apenas houbo cortes de lus.

Tralo paseíño, visita seria ó Drill Ranch en Calabar. Con calmiña, Ainare explicounos toda a actividade que teñen e o que veriamos o luns na selva. Está bonito ve-los monos e chimpancés pateando por aí. Ademais, teñen algún cervo, paxariños e ata un crocodilo.




Do Drill Ranch fomos a outra pequena reserva de monos en Calabar: Cercopan. Alí tamén nos contaron máis historias sobre os monos que teñen alí.




A seguinte parada foi no museo de Calabar. Un lugar bonito, cunhas fermosas vistas do río, e un museo interesante, no que se pode aprender moito sobre a historia de Nixeria.

Como aínda quedaba moito por facer, baixamos ata o embarcadoiro para coller unha lanchiña que nos levase ata Oron, a uns 20 minutiños en lancha de Calabar e unhas dúas horas en coche. En Ororn demos un paseo pola vila. É a típica vila nixeriana, onde a xente vive como pode co pouco que ten. Xente moi acolledora por certo, os rapaces seguíndonos a tódolos lugares e saudando constantemente. Outra cerveciña preto do embarcadoiro e de volta para Calabar, onde ceamos no hotel con calma e tranquilidade.





O Domingo tocaba visita ás cataratas Kwa. Alí botamos grna parte da mañá. Fermosas paisaxes na xungla e unha mini praia montada no río. A única pega, que os nixerianos son cochos en xeral e tiran o lixo polas beiras da praia, o que non mola nada. O río molaba. Auga a boa temperatura, e bastante corrente do lado contrario ó que estabamos. Se non ías con moito coidado, unhas boas mazaduras nas pernas non chas quitaba ninguén. Ademais, o malo de bañarte nun río no medio da xungla, con todo o enxebre que pode ser, é que a xungla está plagada de bechos, co cal ou secas e volves vestirte rápido ou che deixan as pernas finas...



Tras iso, volta a Calabar. Derradeiras cervexas con Dominique e Ainare e hotel. Ademais, aproveitei para desmontar teorías de Intereconomía (http://www.publico.es/espana/273459/intereconomia/africa/destaca/manicura). En África sí empregan condóns. Luns á mañá ás 7:30, xa estabamos camiño do Drill Ranch que se atopa no medio da xungla. Tiñamos novo chófer, Mr. Bassey, que nos regalou uns momentos musicais no coche inequecibles. Entre o country que puxo, despois Yanni e a marabillosa estrada, con continuos baches, agradecín máis ca nunca trae-lo MP3 (Master!!!!Master!!!!!!!!!!!!!!!!). Tras cinco horas de camiño, e cando criamos que chegabamos ó Drill Ranch, acabamos no medio dunha pequena vila na que nos indicaron que xa pasaramos o devío ó rancho. Volta para atrás e, media hora despois, xa estabamos no rancho.





Foi unha experencia incrible. Durmir no medio da selva, só cos seus ruídos (e cos ronquidos do chófer), nunha cabana que era coma unha macromosquiteira foi toda unha experinecia. Ademais diso, contaban con máis grupos de monos e chimpancés, cunhas piscinas naturais e cunha ponte colgante que atravesaba a fraga á altura dos cumios das árbores e chegaba a 45 metros de altura. E sí, crucei a puta ponte. Non sen sufrir pero cruceina.









Martes, antes de marchar, un bañiño na máis grande das piscinas e de volta a Calabar. Na viaxe de volta, máis da mesma música e pequeno cabreo co chófer, posto que parecía que disposto a rompe-lo seu coche nun dos baches por chegar un minuto antes. Se a iso lle sumas algún adiantamento en curva acabamos por chamarlle a atención un par de veces, anque nin puto caso nos fixo. Case ó chegar o aeroporto foi cando case se come a un coche que freara diante. En fin, alí quedaba e ó aeroporto a pata.







Pouco máis quedaba. Volta para Lagos e descanso. Mércores xa tocou traballo.

Deica a seguinte.

Wednesday, December 02, 2009

Lerias

Boas,

Pois por Lagos sigo, a lo menos ata o venres, que nos piramos a Calabar, no outro lado do país, preto da fronteira con Camerún. Aproveitaremos para visita-la cidade, que disque é das máis fermosas de África, e para ir visitar un rancho que está no medio da selva no que recuperan unha especie de monos (drill). Se queredes máis información sobre o lugar, convídovos a visita-lo seguinte web:

Sí, vese que por aló hai unha ponte colgante que vai de árbore en árbore e chega a ter uns 25m de altura...admítense apostas de se a cruzarei ou a verei na distancia.

En fin, ata a fin de semana toca seguir de paseo por Lagos. Non falei demasiado das noites por esta zona. Home, os prezos pois varían segundo o sitio. A Star (cerveza nixeriana que pouco ten que ver coa nosa Estrella, coa cervexa de verdade, vamos), soe cotizarse en torno a unhas 500 - 600 Nairas (sobre 2-2.5€). Os cubatas xa soen subir a unhas 1500N (6€). Aínda así, a imaxe máis habitual cando entras nun local é a de ver a rapazas xeitosas de vinte ou vintepoucos anos con homes de mínimo 60 anos, de raza branca, claro. É algo bastante habitual na maioría de locais da zona. Xa van visitados uns poucos nos dous meses (cúmprense hoxe) que levo por aquí e algunha que outra festa. Por exemplo, hai unhas semanas fíxose unha festa no clube de iates de Lagos, onde pagando 6500N (30€) comías e bebías o que quixeses. O noso porblema foi que chegamos un pouco tarde e xa non había moita comida. O clube estaba ben, con iates, canóns vellos e vistas ó mar.


Dos locais, hainos para tódolos gustos. Dende locais ó aire libre rodeados do mar (e mosquitos...), ata algún con algunha piscina pasando por discotecas que semella que non esteas tirado por África. Déixo mostras dun fermoso local situado á beira do mar e cunha pequena piscina e dun cubata lagosián, servido, por suposto, con dosificador.



Deixando de lado os locais nocturnos, pouco máis me debe quedar por ver en Lagos. Ademais de dar unha pequena volta pola cidade, onde cada rúa é un mundo no podes atopar obras, socavóns, etc, o máis destacable de Lagos serían o Lekki Market e o Lekki Conservation Centre. O primeiro é un mercado nixeriano, xente tentando venderche marabillas en cada esquina. Cun pouco de regateo e sorte aínda podes levar cousas xeitosas. O mellor, o de sempre, venche branco e nada máis baixar do coche tes a tres que che seguen, ofrécenseche a levarche as compras, dis que non fai falla, continúan seguíndoche e ó final van pedirche pasta.

O Lekki Conservation Centre é unha pequena reserva natural que hai preto de Lagos. É unha visita agradable, posto que é o único sitio de Lagos onde verdadeiramente chegas a sentir que estás na África tropical. Ademais, aproveitas para ver monos e tartarugas que disque teñen 130 anos.



Nada máis por hoxe. Ata a seguinte!

Thursday, November 26, 2009

Artur





Boas noites!!!

Teño o inmenso pracer de presentarvos ó meu sobriño Artur. Tomade un trago á súa saúde!
Viva a nai que te pariu, Artur! E viva teu pai! Unha aperta moi grande a ambos.





Tuesday, November 24, 2009

Primeira excursión por Nixeria

Ola a todos e todas!

Aínda teño algunhas cousas pendentes que contar, pero comezaremos pola máis recente, máis que nada para non esquecer detalle.

Resulta que dende o segundo fin de semana que pasamos aquí, Conchi e mais estivemos indo a clases de francés. Un curso de 20 horas son uns 20€. As clases eran os sábados de 10:00 a 14:30 e remataron o 14 de novembro, co cal ata esta última fin de semana non puidemos ir de paseo por ningún sitio de Nixeria.

E chegou o momento. Nun principio iamos ir ata Ibadan, cidade situada a uns 150 km ó norte de Lagos. No pasado, era a cidade máis poboada da África Occidental, ata que Lagos a superou. Preto de alí, a unha hora en coche, está un centro de desenvolvemento de plantas que din que está ben, o IITA. O problema é que non había habitacións para nós o sábado. Así que houbo que cambiar de plans e inventar un novo. O xoves decidimos de ir a Osogbo, povo (como o chaman aquí) de 800.000 habitantes, que consta dunha fraga sagrada para os yoruba, tribo nixeriana que habita a zona suroeste do país, que vén sendo a zona ó redor de Lagos.

Arrincamos o sábado seis aventureiros: Sara, Mike (o mozo de Sara), Conchi, Marcos, o condutor Steve e mais eu. Saimos de Lagos cun tráfico decente e arrincamos por autoestradas nixeriás a Ibadan. Para ir a Osogbo, primeiro cómpre atravesar Ibadan.



O mostrado é unha autoestrada nixeriana. A grandes rasgos, é unha autoestrada con claro selo nixerián. Podes ir a 100 km/h e atopar baches incribles. Aínda así, o máis sorprendente é que a xente anda indistantemente por ámbolos dous sentidos. Os camións aparcan no medio dos carrís en vez de nas áreas de servizo. Esto fai que a xente cambie de calzada coma se nada. Para isto, e moi ben pensado polos enxeñeiros nixerianos, non hai mediana na autoestrada, só vexetación. Ademais, de vez en cando, limpan a vexetación para deixar camiño para pasaren os coches.





Unha vez chegamos a Ibadan, collémo-la autoestrada para Osogbo. Ó pouco de saír de Ibadan, isto foi o que atopamos.



Bonita caravana!! En fin, o mellor que se nos ocorreu fo seguir a uns coches que collían o atallo que había polo medo da selva. A gracia é que no atallo había xente indicándoche por onde collelo, e, ó vernos, bloquearon o paso. Unha das marabillosas cousas de nixeria é que todo o mundo ten na cabeza a seguinte ecuación: branco = €. Tiraron pedras diante do coche para pedirnos cartos por deixarnos pasar. En fin, Mike baixou do coche e conformáronse con pouca cousa, uns céntimos, ó veren que o coche é diplomático (temos matrícula vermella) acojonáronse un chisco.



Velaí iamos todo contentos pola selva para adiante, detrás dun fermoso Hyundai, cando o seu intelixente condutor ten a idea de pasar moi amodo por unha ponte que facía un gran desnivel nun dos seus extremos. Claro, coche atrancado e a empurrar, non había outra.


Sen moito máis que contar chegamos a Osogbo e decidimos ver un pouco a cidade. Menos agobiante ca Lagos pero segue sendo unha cidade nixeriana. Vimos a Nike Gallery, unha galería de arte onde non lles parecía moi ben que regateases, a casa onde viviu Susanne Wenger, unha escultora austríaca que botou a vida en Osogbo, moi querida na cidade; e vimos o pazo do monarca de Osogbo.


Coa marabillosa calor que facía, e cáseque sen comer dende que arrincaramos ás 7 da mañá, tocou buscar desesperdamente un bar no que tomar unha birriña. Tras buscar un chisco, fomos quen de atopa-lo bar. Alí, Mike e Steve tiveron o pracer de mostrarnos outro típico prato nixeriano, a "amala".


Isto vén sendo o plato de amal que me zampei. A carne do fondo é de cabuxa e as outras dúas bolas son coma pasta feita de pataca. A carne era ben dura e a salsa ben picante (algún lagrimón escapou), pero o plato non me disgustou. Tamén era divertido ver ó Steve, que se fixo a súa hamburguesa pondo o cacho de carne entre as bolas de pasta.


Por último no sábado, volta ó hotel (Heritage, ben de prezo e bastante ben,tendo en conta que estamos en Nixeria). Máis cervexa, non me puxeron o partido do Madrid, algo máis de picante coa cea e a descansar.

Ó domingo visita á fraga sagrado de Osogbo, lugar sagrado para os yoruba. A verdade, é un lugar fermoso no que a xente vai rezar. Teñen unhas cantas estatuas cando menos curiosas. Deixo algunha mostra:



A ponte de Rande nixeriana, cruzando o río que baña a fraga sagrada.

Volta pola autoestrada cara Ibadan, onde decidimos parar a coñece-la cidade. Nova mostra de como se conduce en Nixeria:

E chegada a Ibadan, onde puidemos ir á casa dun dos primos de Mike para ter unha boa vista da cidade. A verdade é que áinda ten menos que Lagos. É unha cidade grande pero nótase vella e un pouco abandonada.

Fomos comer no centro (onde había edificios máis grandes de Ibadan) nun sitio agradable, cunha piscina e bastante variadade. Eu tiven antollo da miña primeira hamburguesa nixeriana (bastante boa, por certo).



O finde rematou con Mike levándonos de visita polo barrio de Lagos no que vive, Ikeja, que está en Burgos pouco máis menos con respecto á nosa casa. Levounos visita-la casa de Fela Kuti, para quen non o saiba, coma min ata hai pouco máis dun mes, un cantante nixeriano moi famoso e querido, posto que nunca quixo rodearse da clase política nixeriana senón vivir co povo. Visitámo-la súa casa, onde está enterrado, e coñecemos á súa viúva e filla.




Así rematou o noso primeiro fin de semana lonxe de Lagos. En breve virán máis.

Só me queda un mes para voltar pola Galiza e vervos á maioría, iso agardo. Mentres tanto seguirei contando cousiñas de por eikí. Ata a seguinte.