Thursday, December 10, 2009

Viaxe a Calabar

Moi boas outra vez!

Esta ponte da Constitución tocou ir de visita por Nixeria. Se na anterior ocasión tocara ir de visita a lugares nos que podiamos ir en coche, desta tocou ir ata Calabar, preto da fronteira con Camerún, en avión. O meu primeiro avión nixeriano, da compañía Aero, que custou pouco máis de 100€.

O aeroporto de Lagos (Murtala Muhammed) recorda ó de Madrid na estrutura. Son dous nun. A terminal internacional (International Airport) e unida polas pistas está preto o Domestic Airport, unha terminal pequeniña, máis pequena cá de Santiago, da que saen os voos que van por dentro de Nixeria. É noviña e chula (como a miña Pequena) e quedoume dela mellor impresión que da terminal internacional. Tamén é certo que o día que estiven na terminal internacional foi o primeiro, aínda con certo acojone no corpo, case mirando só para abaixo. Por certo, non vedes fotos do aeroporto porque en Nixeria está terminantemente prohibido sacarlles fotos.

O venres saímos da Ofi cara ó aeroporto a iso das 12:00. O voo era ás 16:00, pero co conto de que pechan o check-in corenta minutos antes do voo e que o camiño ó aeroporto pode ter unha duración moi, moi, impredecible e variable. Sen tráfico, uns corenta minutos. Con moito tráfico, mínimo catro horas. Por sorte, chegamos ó aeroporto con tempo de sobra. Un par de cerveciñas para ameniza-la espera e para o avión.

Aterramos en Calabar cara as 17:30. Outro aeroporto pequniño pero chulo. Alí agardábanos o colega Dominique, chófer ó que contrataramos para toda a fin de semana e quen nos buscou chófer para ir ata o Drill Ranch, lugar onde rehabilitan monos que se atopa a cinco horas en coche de Calabar e que ten un pequeno espazo na cidade no que conta con algúns animais. Alí atopàbase Ainare, rapaza basca que traballa como veterinaria no Drill Ranch á que deramos bastante o coñazo antes da viaxe. Recomendounos hotel, moi decente, céntrico e barato, e quedamos para tomar unha cerveciña e cear pola zona. Comín un peixe feito nun posto da rúa que me soupo a gloria. Estaba moi bo. De aí para o hotel, a descansar para o sábado.

Comezámo-lo sábado facendo algo que nunca fixera dende que estou en Nixeria, CAMIÑAR POLAS RÚAS. Calabar é un sitio moi tranquilo e a xente é bastante amigable. En Lagos, de noite non se me ocorrería ir andando a ningures. De día sí e estou seguro de que me darían o coñazo cada dous por tres. Se xa che vén branco e che veñen pedir cartos cando che vén no coche, andando non ha ser menos.




O dito, puidemos dar un paseíño por Calabar. É unha cidade bastante máis coidada ca Lagos. Ten contedores de lixo (en Lagos non vin ningún), ten moi poucos baches, e a xente non agobia. Xa pola noite viramos outra gran cousa de Calabar, a ausencia de ruído de xeradores. En Lagos, a NEPA (FENOSA nixeriana), funciona, con sorte, unha hora ó día. Hai moitas empresas que requiren moita enerxía eléctrica e esta non chega ós fogares. É crudo pero así funcionan moitas cousas en Nixeria. Tódolos compounds, antenas, oficinas funcionan con xerador eléctrico. En Calabar non había case ningún e apenas houbo cortes de lus.

Tralo paseíño, visita seria ó Drill Ranch en Calabar. Con calmiña, Ainare explicounos toda a actividade que teñen e o que veriamos o luns na selva. Está bonito ve-los monos e chimpancés pateando por aí. Ademais, teñen algún cervo, paxariños e ata un crocodilo.




Do Drill Ranch fomos a outra pequena reserva de monos en Calabar: Cercopan. Alí tamén nos contaron máis historias sobre os monos que teñen alí.




A seguinte parada foi no museo de Calabar. Un lugar bonito, cunhas fermosas vistas do río, e un museo interesante, no que se pode aprender moito sobre a historia de Nixeria.

Como aínda quedaba moito por facer, baixamos ata o embarcadoiro para coller unha lanchiña que nos levase ata Oron, a uns 20 minutiños en lancha de Calabar e unhas dúas horas en coche. En Ororn demos un paseo pola vila. É a típica vila nixeriana, onde a xente vive como pode co pouco que ten. Xente moi acolledora por certo, os rapaces seguíndonos a tódolos lugares e saudando constantemente. Outra cerveciña preto do embarcadoiro e de volta para Calabar, onde ceamos no hotel con calma e tranquilidade.





O Domingo tocaba visita ás cataratas Kwa. Alí botamos grna parte da mañá. Fermosas paisaxes na xungla e unha mini praia montada no río. A única pega, que os nixerianos son cochos en xeral e tiran o lixo polas beiras da praia, o que non mola nada. O río molaba. Auga a boa temperatura, e bastante corrente do lado contrario ó que estabamos. Se non ías con moito coidado, unhas boas mazaduras nas pernas non chas quitaba ninguén. Ademais, o malo de bañarte nun río no medio da xungla, con todo o enxebre que pode ser, é que a xungla está plagada de bechos, co cal ou secas e volves vestirte rápido ou che deixan as pernas finas...



Tras iso, volta a Calabar. Derradeiras cervexas con Dominique e Ainare e hotel. Ademais, aproveitei para desmontar teorías de Intereconomía (http://www.publico.es/espana/273459/intereconomia/africa/destaca/manicura). En África sí empregan condóns. Luns á mañá ás 7:30, xa estabamos camiño do Drill Ranch que se atopa no medio da xungla. Tiñamos novo chófer, Mr. Bassey, que nos regalou uns momentos musicais no coche inequecibles. Entre o country que puxo, despois Yanni e a marabillosa estrada, con continuos baches, agradecín máis ca nunca trae-lo MP3 (Master!!!!Master!!!!!!!!!!!!!!!!). Tras cinco horas de camiño, e cando criamos que chegabamos ó Drill Ranch, acabamos no medio dunha pequena vila na que nos indicaron que xa pasaramos o devío ó rancho. Volta para atrás e, media hora despois, xa estabamos no rancho.





Foi unha experencia incrible. Durmir no medio da selva, só cos seus ruídos (e cos ronquidos do chófer), nunha cabana que era coma unha macromosquiteira foi toda unha experinecia. Ademais diso, contaban con máis grupos de monos e chimpancés, cunhas piscinas naturais e cunha ponte colgante que atravesaba a fraga á altura dos cumios das árbores e chegaba a 45 metros de altura. E sí, crucei a puta ponte. Non sen sufrir pero cruceina.









Martes, antes de marchar, un bañiño na máis grande das piscinas e de volta a Calabar. Na viaxe de volta, máis da mesma música e pequeno cabreo co chófer, posto que parecía que disposto a rompe-lo seu coche nun dos baches por chegar un minuto antes. Se a iso lle sumas algún adiantamento en curva acabamos por chamarlle a atención un par de veces, anque nin puto caso nos fixo. Case ó chegar o aeroporto foi cando case se come a un coche que freara diante. En fin, alí quedaba e ó aeroporto a pata.







Pouco máis quedaba. Volta para Lagos e descanso. Mércores xa tocou traballo.

Deica a seguinte.

1 comment:

  1. Non sei como te atreviches a cruzar semellante ponte. A min só cas fotos xa me da vértigo..

    Outra cousa, non entendo a seguinte frase: "Drill Ranch, lugar onde rehabilitan monos"
    Que estan en proceso de desintoxicacion ou que?

    Moitos biquiños e pensa que en nada xa estas en casa

    ReplyDelete