Dende que estamos por aquí a verdade é que non choveu demasiado para alguén acostumado a pasar na Galiza estas épocas do ano. Aínda así, toda persoa que xa leva un tempo por aquí nos dicía que estaba chovendo máis do normal. Neste intre cómpre recordar que, teoricamente, entre outubro e e marzo é a tempada seca en Nixeria, mentres que entre abril e setembro, sobre todo disque entre xuño e agosto, é cando estamos na tempada de choivas.
O que sí se ve é que cando chove chove de verdade, nada de catro pingueiras soltas. Así é normal que se nos inunde o xardín do compound, que se encha a piscina de merda cada vez que chove (froito tamén do marabilloso e limpo aire de Lagos, carente de polución) ou que haxa rúas complentamente cubertas de auga. Como mostra, déixovos un vídeo da nosa entrada no coche que nos levaba á Oficina o venres pola mañá. Só o camiño que nos levaba da porta ó coche (2 metros) xa foi abondo para chegar á Oficina pingando.
Que quede claro que o coche non é o noso. O noso gran Nissan Pathfinder de 12 anos con motor de gasolina que soa e se comporta coma un diesel estaba de volta do aeroporto. Unha bolseira da Oficina de Accra (saúds Tere!) viñera facernos unha visita para coñecer Lagos e marchaba ese día pola mañá, co cal foi ata o aeroporto co noso coche mentres que nos mandaban un dende a Ofi para recollernos.
Ademais, estes días segue a darse unha circunstancia cando menos curiosa. Resulta que antes do Nadal, en Lagos é tradicional que aumenten os roubos. Ademais, para conseguiren máis cartos para o Nadal, as gasolineiras deixan de vender gasolina, alegando que non a teñen. O litro de gasolina vén custando uns 0,30€ e, como moitas cousas en Nixeria, nas gasolineiras xa che serven encantados cando pagas ó redor de 1€ por litro ou máis.
O que ocorre, entón, é que se forman unhas colas brutais nas gasolineiras mentres venden a prezo normal. Antes do Nadal, co que enchemos un depósito duns 60 litros, conseguimos 15. Despois, consguimos que durante o Nadal un dos condutores da Oficina nos enchese o depósito do coche. A semana pasada, a nosa invitada xa coñeceu en primeira persoa as colas nas gasolineiras de Lagos (só dúas horas). E o de esta non estivo mal. Onte precisabamos gasolina sí ou sí. Mandamos a Stevie ás 8:30 a buscar gasolina, unha vez nos deixou na Oficina. Chamou ás 15:00 indicando que non nos podeu recoller que aínda estaba na cola. Chamou de novo ás 20:00 que xa estaba preto. Chamou outra vez ás 22:00 indicando que estaban a piques de pechar a gasolineira, e pechárona. Alí tivo que quedar o pobre home ata ás 7:00 de hoxe facendo cola para conseguir gasolina. Ó final, ás 7:30 na casa e ás 8:10 na Oficina edepósito cheo. Que grande é Stevie e que grande é Nixeria, décimo país mundial produtor de petroleo e sen subministro de combustible nas gasolineiras. Só nos queda agardar que isto se normalice pouco a pouco.
Ata a seguinte!
Subscribe to:
Post Comments (Atom)
Quéixaste de visio..... :P
ReplyDelete