Ola a todos e todas!
Aínda teño algunhas cousas pendentes que contar, pero comezaremos pola máis recente, máis que nada para non esquecer detalle.
Resulta que dende o segundo fin de semana que pasamos aquí, Conchi e mais estivemos indo a clases de francés. Un curso de 20 horas son uns 20€. As clases eran os sábados de 10:00 a 14:30 e remataron o 14 de novembro, co cal ata esta última fin de semana non puidemos ir de paseo por ningún sitio de Nixeria.
E chegou o momento. Nun principio iamos ir ata Ibadan, cidade situada a uns 150 km ó norte de Lagos. No pasado, era a cidade máis poboada da África Occidental, ata que Lagos a superou. Preto de alí, a unha hora en coche, está un centro de desenvolvemento de plantas que din que está ben, o IITA. O problema é que non había habitacións para nós o sábado. Así que houbo que cambiar de plans e inventar un novo. O xoves decidimos de ir a Osogbo, povo (como o chaman aquí) de 800.000 habitantes, que consta dunha fraga sagrada para os yoruba, tribo nixeriana que habita a zona suroeste do país, que vén sendo a zona ó redor de Lagos.
Arrincamos o sábado seis aventureiros: Sara, Mike (o mozo de Sara), Conchi, Marcos, o condutor Steve e mais eu. Saimos de Lagos cun tráfico decente e arrincamos por autoestradas nixeriás a Ibadan. Para ir a Osogbo, primeiro cómpre atravesar Ibadan.

O mostrado é unha autoestrada nixeriana. A grandes rasgos, é unha autoestrada con claro selo nixerián. Podes ir a 100 km/h e atopar baches incribles. Aínda así, o máis sorprendente é que a xente anda indistantemente por ámbolos dous sentidos. Os camións aparcan no medio dos carrís en vez de nas áreas de servizo. Esto fai que a xente cambie de calzada coma se nada. Para isto, e moi ben pensado polos enxeñeiros nixerianos, non hai mediana na autoestrada, só vexetación. Ademais, de vez en cando, limpan a vexetación para deixar camiño para pasaren os coches.
Unha vez chegamos a Ibadan, collémo-la autoestrada para Osogbo. Ó pouco de saír de Ibadan, isto foi o que atopamos.
Bonita caravana!! En fin, o mellor que se nos ocorreu fo seguir a uns coches que collían o atallo que había polo medo da selva. A gracia é que no atallo había xente indicándoche por onde collelo, e, ó vernos, bloquearon o paso. Unha das marabillosas cousas de nixeria é que todo o mundo ten na cabeza a seguinte ecuación: branco = €. Tiraron pedras diante do coche para pedirnos cartos por deixarnos pasar. En fin, Mike baixou do coche e conformáronse con pouca cousa, uns céntimos, ó veren que o coche é diplomático (temos matrícula vermella) acojonáronse un chisco.
Velaí iamos todo contentos pola selva para adiante, detrás dun fermoso Hyundai, cando o seu intelixente condutor ten a idea de pasar moi amodo por unha ponte que facía un gran desnivel nun dos seus extremos. Claro, coche atrancado e a empurrar, non había outra.
Sen moito máis que contar chegamos a Osogbo e decidimos ver un pouco a cidade. Menos agobiante ca Lagos pero segue sendo unha cidade nixeriana. Vimos a Nike Gallery, unha galería de arte onde non lles parecía moi ben que regateases, a casa onde viviu Susanne Wenger, unha escultora austríaca que botou a vida en Osogbo, moi querida na cidade; e vimos o pazo do monarca de Osogbo.
Coa marabillosa calor que facía, e cáseque sen comer dende que arrincaramos ás 7 da mañá, tocou buscar desesperdamente un bar no que tomar unha birriña. Tras buscar un chisco, fomos quen de atopa-lo bar. Alí, Mike e Steve tiveron o pracer de mostrarnos outro típico prato nixeriano, a "amala".
Isto vén sendo o plato de amal que me zampei. A carne do fondo é de cabuxa e as outras dúas bolas son coma pasta feita de pataca. A carne era ben dura e a salsa ben picante (algún lagrimón escapou), pero o plato non me disgustou. Tamén era divertido ver ó Steve, que se fixo a súa hamburguesa pondo o cacho de carne entre as bolas de pasta.
Por último no sábado, volta ó hotel (Heritage, ben de prezo e bastante ben,tendo en conta que estamos en Nixeria). Máis cervexa, non me puxeron o partido do Madrid, algo máis de picante coa cea e a descansar.
Ó domingo visita á fraga sagrado de Osogbo, lugar sagrado para os yoruba. A verdade, é un lugar fermoso no que a xente vai rezar. Teñen unhas cantas estatuas cando menos curiosas. Deixo algunha mostra:

A ponte de Rande nixeriana, cruzando o río que baña a fraga sagrada.

Volta pola autoestrada cara Ibadan, onde decidimos parar a coñece-la cidade. Nova mostra de como se conduce en Nixeria:

E chegada a Ibadan, onde puidemos ir á casa dun dos primos de Mike para ter unha boa vista da cidade. A verdade é que áinda ten menos que Lagos. É unha cidade grande pero nótase vella e un pouco abandonada.
Fomos comer no centro (onde había edificios máis grandes de Ibadan) nun sitio agradable, cunha piscina e bastante variadade. Eu tiven antollo da miña primeira hamburguesa nixeriana (bastante boa, por certo).

O finde rematou con Mike levándonos de visita polo barrio de Lagos no que vive, Ikeja, que está en Burgos pouco máis menos con respecto á nosa casa. Levounos visita-la casa de Fela Kuti, para quen non o saiba, coma min ata hai pouco máis dun mes, un cantante nixeriano moi famoso e querido, posto que nunca quixo rodearse da clase política nixeriana senón vivir co povo. Visitámo-la súa casa, onde está enterrado, e coñecemos á súa viúva e filla.
Así rematou o noso primeiro fin de semana lonxe de Lagos. En breve virán máis.
Só me queda un mes para voltar pola Galiza e vervos á maioría, iso agardo. Mentres tanto seguirei contando cousiñas de por eikí. Ata a seguinte.