Ola a todos!
Como queda menos para voltar á casa polo Nadal, hai que comezar a facer algunhas trasnadas para despedi-lo ano dende Lagos.
En primeiro lugar, Patri aproveito para contestarche ó comentario (remato antes facéndoo por aquí). Os drill son unha especie de monos que se chegaron a crer extinguidos a finais dos 80. O home que fundou o rancho en Calabar viu un día un nunha casa, preguntou ó dono, este resulto que coñecía a outros que tiñan esa especie de mono e o homiño este comezou a rehabilita-la especie. Hoxe ten máis de 300 e unha ponte colgante polas árbores que xa viches. Cruzala é peor que vela, porque, claro está, é unha ponte colgante que se move bastante. Creo que no punto máis alto chegaba a uns 45 metros. Non se vía ó chan, perdón, non se miraba o chan (que un xa aprendeu redondelán...).
Pois nada. Despois de Calabar aquí pasámo-la fin de semana de festa. O veners fomos de cea e logo tomar unhas cerveciñas e atopamos ó número 2 da Oficina, xefe noso, claro. Houbo que aproveita-lo momento para inmortalizalo. Fóra de cea cuns amigos unha das cales, Olga, tamén quixo saír na foto.

O sábado tocaba festa na casa de Claudio, un italiano (este unha gran persoa, non coma o do partido) que dende Lagos emigrou para Qatar. O motivo da festa, despedir a Jose, que marcha connosco o 22 tras tres aniños en Lagos. Había que despedilo coma deus manda, así que nos xuntamos uns cantos para a ocasión. Primeiro tres representantes da coalición galega de Lagos e despois a maioría de asistentes á festa, co homenaxeado sendo o segundo pola dereita e o anfitrión o que está atrás á esquerda de amarelo.
En fin, luns tocaría montar unha pequena UPS de 30kg na Oficina (normalmenten marcho ás 15, ese día marchei case ás 20) e seguir pegándome cos meus pequenos e marabillosos servidores así como coas espectaculares conexións de internet. Mentres tanto, xa quedan menos días para ver á pequeniña, coñecer ó meu sobriño Artur e agardo que vervos a todos vós.
Antes de marchar quero compartir convosco unha mala nova. Resulta que o compañeiro bolseiro de Nova Delhi, Felipe, tivo un accidente que o mantén no hospital. Ten o húmero e o pulso esquerdos fracturados e uns golpes na cabeza que parece que non teñen moita gravidade. Está nun hospital de Nova Delhi recuperándose satisfactoriamente. Dende aquí, Felipe, quero mandarche unha aperta e desexarche un pronta recuperación. Moito ánimo.
Ata a seguinte, meus!